Coñecendo… a asociación Seiva

Continuando coa sección de entrevistas inaugurada coa Casa de Ana, entrevistamos á asociación Seiva. Coñezámola!

Lugar no que asenta: Galiza
5 palabras que definan a iniciativa: natureza, sustentabilidade, ecoloxía, educación ambiental, participación

fd8329_ea55b493435d120659efa4af5a87c332.png_srz_142_101_75_22_0.50_1.20_0.00_png_srz

Podedes presentar en poucas palabras a asociación Seiva? Seiva é unha asociación creada para asesorar e informar persoas e colectivos sobre a necesidade de introducir mudanzas nos nosos modos de vida. Queremos ademais pór en contacto a cidadanía que desexa introducir esas mudanzas ou que xa vive dun modo máis sustentable.

Que vos animou a pór en marcha este proxecto? As nosas conviccións persoais en materia de medio ambiente e a motivación de emprender un proxecto que cremos necesario.

Que servizos ofrecedes? Temos tres grandes vías ou Seivarterias como nós as chamamos: horta,
bosque e rutas. Os nosos proxectos pretenden ser integrais contemplando a interrelación  da horta co bosque e viceversa nunha determinada zona ou asentamento. As rutas interpretativas acompañan os ecosistemas anteriores porque tras asesorar ou executar un deseño poderemos mostrar á cidadanía o patrimonio natural e histórico dese lugar.
A horta. Onde hai actividades enfocadas ao cultivo ecolóxico con todo tipo de obradoiros ao seu redor: deseño, creación, compostaxe, pragas, sementeira, creación de invernadoiros, etc
O bosque abrangue todos os traballos que se derivan do seu coidado: roza, poda, repoboación, reforestación, prevención de incendios, tala de árbores perigosas ou especies alóctonas, etc
As rutas interpretativas derívanse tras executar un deseño nun espazo concreto recuperando un antigo camiño rehabilitándoo ou sinalizándoo e posteriormente dándoo a coñecer interpretando o seu patrimonio e revalorizando a zona.

A que tipo de persoas vos dirixides? Por unha banda ás persoas que habitan na cidade achegándoas ao medio rural. Adultos, nenos, nenas e adolescentes xa que propomos proxectos de educación ambiental en1238807_521423594604793_1841289146_n colexios. Tamén nos parece interesante que acudan familias xuntas e temos actividades deste tipo como o curso de Agricultura Ecolóxica que realizaremos o último fin de semana de outubro. De igual modo queremos achegar a sustentabilidade aos/ás habitantes do rural, o cultivo ecolóxico e a sustentabilidade no bosque fomentando a forestación con especies autóctonas. Ademais noutros proxectos propomos cursos ou rutas de persoas maiores cos seus netos e netas para que flúa o intercambio xeracional.

Como é un día de actividade na asociación Seiva? Traballamos trasladando as nosas ideas a proxectos que creamos para diferentes entidades. Para iso realizamos estudos previos dunha determinada zona detectando necesidades a través da análise da realidade. Hai moito traballo de procura na rede e de redacción. Hai unha persoa que se encarga principalmente de contactar coas entidades para presentar proxectos e leva tamén a parte forestal con diversas comunidades de montes. Hai outra persoa que se ocupa do deseño de todo o que presentamos. Ademais seguimos a traballar na difusión da asociación xa que é de recente creación.

A nivel interno, que tipo de organización tedes? Cada un/unha traballa de maneira autónoma naquelas tarefas que asumiu. Reunímonos semanalmente para comentar as novas propostas, os programas ou entidades onde presentar proxectos e supervisar os que xa están en marcha. Estamos en contacto continuamente para informarnos sobre as novidades dos traballos que cada un/unha vai realizando ou dos encontros e novos contactos establecidos.

Mantedes colaboracións con outras iniciativas do voso ou doutros sectores? A nosa iniciativa ten a súa sede n’A Casa de Ana, é un restaurante cunha gran leira en Salcedo onde imos impartindo cursos de agricultura e outras accións que estamos a desenvolver. Trátase de dinamizar este espazo e sacarlle maior rendemento aos seus moitos recursos abrindo as súas portas para realizar accións en materia de ecoloxía nunha contorna natural. É o lugar onde faremos o curso de Agricultura Ecolóxica os días 26 e 27 que inclúe a comida do sábado, menú vexetariano. No tema forestal hai unha futura asociación cun enxeñeiro de montes. Imos reunirnos cos autores dunha sidra ecolóxica para crear iniciativas conxuntas na súa zona dándolle difusión á mesma e ao seu produto. Outra futura asociación vén dun agricultor de leituga ecolóxica na Coruña. Hai infinidade de contactos que imos
facendo dos que xorden propostas e posibilidades nas que estamos a traballar. E ese é o obxectivo crear tecido social en materia de ecoloxía para difundila con máis forza.

O noso proxecto máis ambicioso é unha feira ecolóxica en Pontevedra o ano que vén.

Botades en falta iniciativas, empresariais ou non, semellantes na vosa parroquia? Se é que si, de que tipo? Cremos que hai iniciativas pero que falta polas en común, difundilas e crear unha rede cidadá. Queremos traballar neste sentido ofrecendo espazos de encontro para estas iniciativas. Aínda queda moito traballo en materia de sensibilización e concienciación ambiental en espazos urbanos e rurais. Por iso a vía é traballar conxuntamente para crear novas propostas e mellorar as que xa hai.

1377567_520464808034005_1501820068_n

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s