Coñecendo… a Cestola na Cachola

Hoxe achegámonos a Cestola na Cachola, un proxecto interesantísimo, innovador e moi creativo. Deixemos que sexan elas coas súas propias palabras quen se descubran…

Lugar no que asenta: movémonos principalmente entre terras do Deza e Compostela
5 palabras que definan a iniciativa:
pintura e ilustración desde a economía socialDSC_0359-copy

Podedes presentar en poucas palabras Cestola na Cachola? Somos unha cooperativa de traballo asociado que une forzas para promover un tipo de empresa diferente, facendo o que mellor sabemos facer: pintar.

Que vos animou a pór en marcha este proxecto? Vimos de traballar en diversos eidos e queriamos fortalecer nun proxecto colectivo esa formación e experiencia anteriores. O activismo en diversas entidades sociais levounos dun xeito natural a constituirnos baixo a fórmula cooperativa, nun momento no que o traballo por conta allea en Galicia non nos permitía desenvolver un proxecto como o noso.

Somos un grupo de persoas que vimos de traballar nos eidos da ilustración, a pintura e o muralismo… e tamén moi enredadas en movementos sociais e entidades de economía social e solidaria. Decidimos poñer todo isto en común nun proxecto que integrase o activismo dun xeito diferente.cestola_logo_tr

Que servizos ofrecedes ou que actividades desenvolvedes? Aplicamos a pintura e a ilustración a diversos formatos e así desenvolvemos varios eixos de traballo. Por unha banda,  realizamos murais por encargo para empresas, particulares e administracións públicas. Esta é unha liña fundamental na nosa cooperativa e moi novidosa en Galicia. Facemos tamén cadros orixinais e ofrecemos reproducións en láminas e postais das nosas obras. Por outra banda,  somos ilustradores e contamos con varios libros publicados. No eido máis activista, temos unha liña á que denominamos moda ética á cal queremos fortalecer a medida que avance o proxecto como estratexia de promoción do consumo responsable de roupa: serigrafiamos deseños orixinais de Cestola na Cachola sobre prendas producidas baixo criterios de comercio xusto, así como tamén promovemos a reutilización da roupa (segunda man). Transversalmente a todo o proxecto, ofrecemos servizos variados orientados especialmente á divulgación da economía social e a sensibilización sobre consumo responsable.

A que tipo de público vos dirixides? A un dobre “público obxectivo”: por un lado, ás persoas sensibilizadas na importancia de consumir con cachola para ofrecer unha opción atractiva e coherente coas súas necesidades de consumo de arte e roupa. Pero tamén nos diriximos á cidadanía en xeral, nun obxectivo de sensibilización en valores para promover a economía social e o consumo responsable.

Como é un día de actividade na Cestola na Cachola? Cada día é diferente e sempre hai moito que facer. Non temos un espazo propio físico aberto ao público senón que traballamos con ferramentas como a tenda online e tecendo redes con outras iniciativas coas que tratamos de promover espazos conxuntos. Se imos a unha feira, collemos o “petate” e imos onde toque para estender o consumo “con cachola”. Se temos un encargo dun mural ou un deseño, desenvolvemos o proxecto en colaboración cos/as clientes/as para atopar a imaxe adecuada e tras isto podemos pasar varios días pintando. Na liña téxtil traballamos en colaboración cun estudo de serigrafía. Tamén hai moito traballo de difusión… A vida de Cestola na Cachola non para.cooperativa-copybaja1

A nivel interno, que tipo de organización tedes? Acordamos ter xuntanzas organizativas periódicas combinadas con teletraballo para axudar a conciliar as nosas vidas persoal e laboral. E cando temos actividades que saen “do normal”, planificamos como facer o traballo conxunto tratando de manter un nivel de esforzo equitativo. Estamos na etapa de lanzamento da cooperativa, así que imos aprendendo tamén a partires da práctica, mais mantemos unhas liñas claras de apoio mutuo no noso camiñar.

Mantedes colaboracións con outras iniciativas do voso ou doutros sectores? Si, de feito pódese dicir que nacemos de moitas desas iniciativas. Colaboramos por exemplo con Panxea, S. Coop. Galega, cooperativa de consumo responsable da comarca de Compostela coa que mantemos unha relación moi estreita. Tamén con Prato_DO, unha nova entidade moi interesante tamén que xurdiu na vila de Lalín. E recentemente participamos no festival de murais DesOrdes Creativas na vila de Ordes. Para a serigrafía contamos co estudo Do Paraná en Compostela… Pensamos seguir uníndonos a outras redes de xeito máis formal, especialmente arredor da economía social e solidaria e as finanzas éticas, e por suposto nos eidos da ilustración, o muralismo e a pintura.

Botades en falta iniciativas semellantes na vosa contorna? Si. No eido da moda ética en Galicia non hai apenas alternativas de consumo. En parte, foi esa unha das causas de querer desenvolver esta liña de traballo, xa que nós mesmas como consumidoras habituais atopabámonos cunha alta dificultade á hora de consumir roupa de xeito responsable. No eido dos murais tamén falta moito por desenvolver. A conciencia de outras maneiras de entender e revitalizar a rúa: a pintura ten que habitar os espazos públicos.

Como imaxinades a vosa vida dentro de vinte anos? Cunha rede de cooperativas e entidades activas que ofrezan unha alternativa crítica, divertida e atractiva de consumo. Alternativas “con cachola”, como dicimos nós. Para isto temos que traballar moito en rede pero pensamos que hai un movemento social que está a fortalecerse pouco a pouco ao noso redor…

P3030642baja2-662x497

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s