Este pasado sábado 15 de marzo realizouse a primeira visita a iniciativas do RuralActivo. Coñecemos dúas propostas diferentes e moi interesantes, ambas relacionadas co mundo do rural: Cume do Avia e o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso.
Os rapaces da cooperativa Cume do Avia, perto de Ribadavia, faláronnos da súa experiencia, de como levan xa uns anos a traballar con moita paixón e dedicación, como teñen que complementar os ingresos facendo traballos para terceiros (aínda que sempre relacionados coa viticultura) ou que este agosto comezan a comercialización dos seus propios viños ecolóxicos. Tivemos a sorte de poder catar os seus viños, tanto o branco como o tinto, e saímos moi alegres!
No Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, en Lodoselo (Sarreaus), tivemos a sorte de contar cun guía moi implicado e con grandes coñecementos, que nos deu un paseo estupendo polas instalacións do centro (comedor, centro de actividades, o tear recuperado, o albergue, etc.) e que nos transmitiu unha ilusión intacta a pesar das décadas xa pasadas desde que arrincou a experiencia.
Aquí vos deixamos unhas poucas fotos e animámosvos a vir connosco na seguinte saída, o 5 de abril! Inscricións aquí.